Sunday 28 de April de 2024

Cultura e Educación abre o prazo para que os centros presenten proxectos de innovación tecnolóxica e didáctica en torno á FP


Esta terceira edición dos premios, dotada con máis de 250.000 euros, busca potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar na súa páxina web a resolución pola que se convocan premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica, así como de innovación didáctica no ámbito da formación profesional en centros públicos durante o próximo ano 2016. Por tanto, ábrese o prazo para que os centros que queiran participar presenten as súas iniciativas, tendo de marxe ata o vindeiro 24 de decembro.

Con esta terceira edición da convocatoria, dotada con máis de 250.000 euros, preténdese seguir afondando nas iniciativas innovadoras en torno á FP, no traballo colaborativo e na transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades. A consecución destes obxectivos permiten camiñar cara a excelencia na formación profesional e fomentar, ao mesmo tempo, a cultura emprendedora desde idades temperás.

Tal e como se recolle na resolución da Dirección Xeral de Educación, valoraranse moi especialmente os proxectos nos que se fomente a colaboración do profesorado e do alumnado dos centros educativos de formación profesional con empresas e institucións do seu contorno e con outros centros, así como os proxectos que impliquen unha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e a inserción laboral do alumnado, favorecendo o emprendemento e a aparición de novas iniciativas empresariais.

Dúas modalidades de premios
Deste xeito, os proxectos participantes deberán adecuarse a unha das dúas modalidades, ben á de innovación tecnolóxica ou científica –onde as iniciativas deberán orientarse a impulsar a transferencia tecnolóxica entre centros educativos e contorno produtivo, procurando unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado– ou ben á modalidade didáctica.

Nesta última inclúense proxectos destinados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, de prototipos ou simuladores, así como de laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc.

Requisitos
En ambas as dúas modalidades, a solicitude ten que ser presentada por un centro de FP, que actuará como coordinador. En todo caso, e ao tratarse dun proxecto colaborativo, este debe contar con dous participantes como mínimo. Deste xeito, figurarán como socios outros centros de FP, entidades ou empresas a nivel autonómico. O plan, que se desenvolverá ao longo do vindeiro 2016, non poderá superar os 40.000 euros no seu orzamento. Os pormenores da convocatoria poden consultarse no seguinte enlace http://www.edu.xunta.es/fp/sites/fp/files/fp/Innovacion/2016/pi_resolucion_23_11_2016.pdf.

Cómpre recordar que esta aposta pola innovación e o espírito emprendedor desde o eido educativo e, concretamente, en torno á formación profesional, encádrase coa “Estratexia Europa 2020” da Comisión Europea, que incorpora como un dos seus obxectivos unha FP que propicie novas experiencias no campo da innovación, da calidade, da creatividade e do emprendemento.